Criterios


Presentamos esta candidatura á Lista do Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra, unha paisaxe cultural evolutiva viva formada polas Ribeiras do Sil e o Miño e as herdades de Rocas, Montederramo e Ferreira de Pantón, cunha orixe que se remonta ao século IV, e xa documentada dende 1124 como un territorio sacro.

Ribeira Sacra é unha paisaxe cultural de Valor Universal Excepcional que representa o único exemplo conservado no occidente europeo do monacato ascético á imaxe do oriente cristián nun territorio de acollida, modelado polas sucesivas comunidades relixiosas que erixen un conxunto excepcional de arquitectura sacra, e polo traballo intenso das comunidades locais ao longo dos séculos en pendentes imposibles con policultivos adaptados ao clima e aos cambios dos modelos sociais e económicos, e que hoxe resulta un ben extraordinario para toda a humanidade.

Primeira comunidade monacal documentada do occidente cristián

Ribeira Sacra é un testemuño excepcional da primeira comunidade monacal documentada do occidente cristián, que xorde en 573 a partires de diversos asentamentos eremíticos e cuxo máximo expoñente está en Rocas, único mosteiro suevo que se conserva no mundo.

Criterio III

Exemplo singular de quince séculos de sacralización

Ribeira Sacra é un exemplo singular de quince séculos de sacralización continuada do territorio que hoxe é preservado nun bosque de igrexas, evidencia dun duplo centenar de mosteiros, que pervive dende a súa orixe ata a actualidade en Ferreira de Pantón.

Criterio IV

Paisaxe cultural excepcional

Ribeira Sacra é unha paisaxe cultural excepcional que hoxe mantén nas Ribeiras a estrutura orixinal das parroquias, a súa forma de construción en socalcos delimitados polas bocarribeiras, a xestión da propiedade en cavaduras, e o tamaño mínimo dos seus centos de miles de parcelas.

Criterio V

Esta sacralidade resiliente propia dun territorio único e singular, chegou aos nosos días convertida no testemuño sacrificado da asociación simbólica ao lugar, mantendo a súa transcendencia e complexidade, converténdoo nun espazo habitado, construído e persistente no que a xente pinta a paisaxe.


Formulario dixital da Ribeira Sacra.
Candidatura da Ribeira Sacra
á Lista do Patrimonio Mundial
da UNESCO.

Xunta de Galicia.
Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
patrimonio.cultura@xunta.es
Edificio administrativo San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela,
Galicia. España.
(+34) 981 544 809

Aviso legal

Candidatura á Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO